Análise do texto “Hipermedia e interactividade no xornalismo dixital colombiano”

1.- Resumo

O texto do comunicador social e xornalista colombiano, Sergio Llano Aristizábal, trátase dun estudo, realizado no 2005, centrado en coñecer a forma de emprego por parte de 14 xornais do seu país de orixe dos recursos que ofrece a rede á hora de publicar contidos xornalísticos, partindo de dous puntos clave neste proceso, a hipermedia e interactividade.

O autor sitúa estes dous conceptos como os máis significativos para saber se os xornais están de xeito formal na web ou están traballando cos novos métodos e dándolles unha función informativa. Isto é debido a que tanto a hipermedia como a interactividade foron os principais motores do cambio no xornalismo nos últimos anos, que pasou dun concepto de mass media a medios interactivos nos que a colaboración entre receptor e emisor é fundamental, nos que se fusionan texto, audio e imaxe, e nos que temos acceso a outras informacións mediante as cales afondar no tema.

Para analizar na súa vertente de hipermedia aos xornais tomáronse tres características que permiten ao receptor romper ca anterior forma de acceder á información e que lle permiten construír o seu propio discurso dentro duns límites, estamos a falar dos enlaces internos, dos enlaces externos e da parte de multimedia nos xornais en web.

Nos enlaces internos e externos o que autor se atopou foi un baleiro, ningún xornal dos sometidos a exame empregaba este tipo de ferramentas da hipermedia para darlle un contexto ou afondamento á información, senón que como moito eran empregados para que os usuarios puidesen acceder a noticias da mesma sección sen case relación. En canto á multimedia, observouse que esta era empregada como un engadido carente de significado propio, é dicir, vídeos e infografías de apoio á noticia, pero sen unha función informativa propia. Ademais do escaso e pobre dos contidos neste aspecto.

Pola súa banda, a interactividade, como forma de que o receptor poida darlle forma ao seu discurso e decida sobre os contidos ou estrutura dun medio, como vía para a participación e personalización realizada polo consumidor sobre os xornais, foi estudada en base aos parámetros de retroalimentación, de xestión de contidos, de medios complementarios e de outras formas de acceso.

A retroalimentación tiña un bo índice de emprego nos xornais, en troques hai que sinalar que polo xeral a súa función carecía de importancia, enquisas intranscendentes nas que os usuarios daban unha opinión irrelevante. Algo máis esperanzadora era a situación da xestión de contidos, na que ben a través dun motor de búsqueda ou dun arquivo histórico ligado a ese motor os usuarios tiñan fácil acceso a contidos antigos ou que non eran fácil de atopar de primeiras. Pese a isto tamén existían problemas de dixitalización deses ficheiros históricos. Por outro lado están os medios complementarios, os cales se observou unha alta limitación tanto na súa vertente de contacto cos xornalistas a través de correos electrónicos como na súa variable de comentarios ou sala de chats. Do mesmo xeito que cas outras formas de acceso, xa que a subscrición que permite a chegada de contidos directamente ao consumidor sen que este teña que buscalos non era unha opción moi estendida debido a problemas de beneficios.

As conclusións ás que chega o autor é que queda moito por mellorar xa que no xornalismo colombiano non se está aproveitando todo o abanico de posibilidades que ofrece a web a través da hipermedia e da interactividade. É máis ben unha presenza formal a dos medios na web que unha presenza marcada polo emprego dos novos métodos xornalísticos que rompen ca vella estrutura.

2.- Asunto central do texto e asuntos complementarios

O asunto central do texto é coñecer a situación do xornalismo colombiano na súa forma dixital, se realmente se produciu un cambio na forma de facer xornalismo. Estudar se empregan todos os recursos que ofrece a web de xeito que lle den unha nova forma á estrutura xornalística, ou se os usan nun modo baleiro de contido.

Os asuntos complementarios son o análise dos subgrupos que compoñen a interactividade e a hipermedia, é dicir, os enlaces internos, a retrolalimentación etc., coñecer o seu emprego nos xornais dixitais e en que forma son empregados.

3.- Organización das ideas

Cambio que se produce no xornalismo e na súa forma co paso dos xornais ao formato dixital. Posibilidades que ofrece este novo panorama desde a hipermedia e a interactividade

Análise da hipermedia nos xornais colombianos a través dos subgrupos de enlaces internos, externos e multimedia. Chégase á conclusión de que non se empregan de forma completa estes recursos, só dun xeito formal, afastado da función informativa.

Análise da interactividade nos xornais colombianos a través dos subgrupos de retroalimentación, xestión de contidos, medios complementarios e outras formas de acceso. A conclusión é que a interactividade reviste formas intranscendentes e limitadas.

Conclusións xerais que determinan que se necesita un gran esforzo para chegar a uns niveis óptimos de emprego de recursos da rede, posto que na actualidade a presenza dos medios colombianos na rede é baleira de contido.

4.- Estrutura formal do documento

1. Portada, título e autor

2. Resumen e palabras clave

3. Pequena descrición sobre o autor

4. Introdución

5. Desenvolvemento da investigación: Variable hipermedia e interactividade

5.1. Hipermedia: Enlaces internos, enlaces externos e multimedia

5.2. Interactividade: Retroalimentación, xestión de contidos, medios complementarios e outras formas de acceso

6. Conclusións

7. Bibliografía

5.- Elementos do esquema de investigación

1. Portada

2. Título: No cal podemos atopar xa a Idea do traballo – “Hipermedia e interactividade no xornalismo colombiano”. Deste xeito xa queda marcado o sendeiro polo cal vai transcorrer o texto.

3. Resumo: Pequeno resumo que xa nos presenta en boa medida a metodoloxía (“… no estudo de 14 versións webs de xornais colombianos vistos desde os conceptos de ‘hipermedia’ e ‘interactividade’…) , e os obxectivos (“… fin de identificar que tanto os xornalistas e os medios entenden a natureza e as posibilidades da World Wibe Web) aínda que na introdución verémolos máis ampliados.

4. Palabras clave: Hipermedia, interactividade e xornalismo dixital

5. Introducción: No caso deste texto é moi ampla e inclúes nela moitos dos elementos vistos no esquema de clase:

            6. Formulación do problema: Produciuse un cambio no xornalismo, o paso da prensa escrita á dixital. Un novo formato que expón novos problemas, principalmente a adaptación de medios e xornalistas a el e o aproveitamento de todas as posibilidades que ofrece.  A formulación do problema é constante durante toda a introdución, mais hai unha frase que a exemplifica moi ben: “O traslado de contidos da versión impresa á versión on-line non pode facerse descoñecendo os retos e as esixencias propias do novo medio”.

           7. Xustificación da investigación: Ao igual que na formulación do problema, este é un punto que podemos observar durante toda a introdución. Ao longo dela expóñense as distintas razóns polas cales ten sentido completo este traballo, partindo desde o cambio que se produciu no xornalismo e a necesidade de observar o seu exemplo práctico en Colombia. “A natureza dos medios emerxentes impón uns condicionantes que aínda non sabemos se son comprendidos por tódolos actores que participan destes complexos procesos de transición nos medios (…) Así que a xa abundante teoría da hipermedia e da interactividade precisa de ser confrontada ca práctica diaria dos periódicos dixitais”.

            8. Obxectivos:

                         8.1. Xeral – O obxectivo xeral do traballo é coñecer se os xornais colombianos comprenden e empregan todos os recursos brindados pola rede. “Nesta investigación interesa coñecer entón en que medida as versións web dos xornais colombianos reflicten unha comprensión do que son os recursos hipermediais (…) Por extensión tamén é relevante coñecer que espazos de participación crearon estes periódicos para as súas audiencias atendendo á natureza interactiva da web”.

                  8.2. Específicos –  O obxectivo específico é coñecer a forma e como responden estes medios ás novas demandas de audiencias e como sacan beneficio delas. Algo que está moi relacionado co punto do texto Outras formas de acceso. “De maneira indirecta é relevante indagar que tanto están respondendo as organizacións xornalísticas ás demandas das audiencias que difiren substancialmente das tradicionais e están efectuando esa transición…”.

            9. Preguntas: A pregunta principal que se realiza neste traballo ven enmarcada pola denominación da nova forma de xornalismo, motorizada pola hipermedia e pola interactividade, como unha nova filosofía comunicativa. O autor pregúntase cal é o grado de compresión do que supón esta nova filosofía e se saben empregala os medios. “En que medida esta filosofía foi entendida e levada á práctica polos xornais dixitais colombianos?” Esta pregunta é a que se busca responder durante todo o texto.

            10. Marco teórico: O marco teórico no que o autor envolve o tema a desenrolar ven marcado polas teorías do cambio que se produce no xornalismo co paso ao medio dixital , son as teorías de Fidler e de Bolter e Grusin. “Este fenómeno deu lugar a distintas teorías baseadas na idea dun proceso de evolución máis que dun cambio abrupto. Destacan entre elas as teorías da mediamorfosis (Fidler, 1998) e da remediación (Bolter e Grusin, 2000)”.

            11. Metodoloxía: A metodoloxía empregada foi o estudo de 14 xornais dixitais colombianos durante o mes de febreiro de 2005, desde o punto de vista da interactividade, da cal se analizaron 19 aspectos, e da hipermedia, da cal se analizaron 16 aspectos. “O método usado foi a observación directa da World Wibe Web, na cal se clasificaron dúas grandes variables: hipermediais e interactivas. Na primeira medíronse 16 aspectos e da segunda 19. Os xornais foron analizados no mes de febreiro de 2005”.

12. Investigación: Esta parte localizámola no análise realizado en torno ao emprego das dúas variables da World Wibe Web e os seus subgrupos nos xornais dixitais colombianos. É dicir da hipermedia, con enlaces internos, externos e multimedia, e a interactividade, cos campos da retroalimentación, xestión de contidos, medios complementarios e outras formas de acceso.

13. Conclusións: As conclusión que define o autor son que os xornais dixitais colombianos non aproveitan os recursos da rede, non os comprenden en toda a súa extensión, e que é necesario mellorar. “Aínda que xa hai un camiño percorrido, existen evidencias de que en Colombia non conta cun xornalismo dixital en todo o sentido da palabra (…) Hai moito que mellorar e aprender”

14. Bibliografía: Sitúase ao final do texto e inclúe enlaces mediante os cales ampliar e contextualizar a información recollida no traballo.

6.- Propostas de interés

A ruptura ca vella forma de facer xornalismo.

O paso do receptor a ser o configurador do discurso e a ter unha gran labor de decisión e de xestión.

O proceso de cambio dos mass media a medios interactivos.

A necesidade de comprender os recursos cos que contamos os xornalistas á hora de publicar na rede para poder empregalos de forma correcta.

7.- Preguntas que suscita

Son a hipermedia e a interactividade os únicos motores do cambio?

Nunha sociedade marcada polas informacións flash, ten cabida a hipermedia co fin de contextualizar a información?

Nun sistema rexido polo capital, é posible dar lugar a novas formas de xornalismo que funcionen acorde ás necesidades das masas e non cara un beneficio necesario para manterse?

Anuncios

Un comentario en “Análise do texto “Hipermedia e interactividade no xornalismo dixital colombiano”

  1. Resumo, un pouco longo. O artigo tamén neste caso ten máis confluencia co esquema de investigación estudado. Hai obxectivos, hai aproximación á metodoloxía, hai máis elementos comúns e que aparecen recollidos na entrada. Sería necesario facer a referencia completa ao artigo.

    Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s